Thursday 19 de September de 2024

Medio Ambiente e Política Social impulsan un novo programa de voluntariado na Rede Galega de Parques Naturais


A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, e a de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentaron esta iniciativa en rolda de prensa

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a de Política Social están a impulsar conxuntamente un novo programa de voluntariado ambiental que se desenvolverá na Rede galega de parques naturais, composta polo complexo dunar de Corrubedo, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, a Baixa Limia-Serra do Xurés, o Invernadoiro, e a Serra da Enciña de Lastra.

Así o adiantaron en rolda de prensa a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, e a de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. No acto, que tivo lugar en Ribeira, ambas responsables puxeron en valor a colaboración entre ambos departamentos e destacaron a importancia que ten a “transversalidade” tanto nas políticas medioambientais como nas relacionadas coa mocidade.

Para articular esta colaboración, ambas consellerías asinaron un convenio, en virtude do cal Medio Ambiente achegará 80.000 euros para a organización de actividades que divulgen o respecto ao medio ambiente. En concreto, estas actividades distribuiranse en dous bloques: dous campos de traballo de carácter medioambiental en Muíños e Ribeira; e o novo programa de voluntariado nos parques naturais, que recibe o nome de “Dinamizando o medio ambiente”.

Neste sentido, Cecilia Vázquez explicou que ambas iniciativas se incluirán na programación da Campaña de Verán 2016 deste ano. “Traballar en equipo divide as tarefas e multiplica os resultados, e iso é o que propoñemos coa sinatura deste acordo, e cos campos de traballo que constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, englobando experiencias de participación, voluntariado e mobilidade”, explicou.

Precisamente, Díaz López tamén salientou na súa intervención a importancia da educación non formal á hora fomentar a sensibilización xuvenil de cara á conservación da natureza. “Canto máis temperá sexa a idade na que se produza a toma de conciencia ecolóxica, máis efectivos e duradeiros serán os resultados”, subliñou.

40 mozos e mozas
Serán un total de 40 os mozos e mozas que participarán nos campos de traballo de Muíños e Ribeira. Durante a súa estadía, realizarán labores de conservación da natureza (limpeza de espazos naturais, prevención de incendios, rexeneración de áreas queimadas); de protección da paisaxe (conservación de especias autóctonas, recuperación de roteiros…); e de identificación e coñecemento da flora e fauna.

Cómpre destacar, ademais, que Ribeira será o único concello galego que acolla as dúas iniciativas recollidas no convenio: o campo de traballo, e o programa de voluntariado “Dinamizando o Medio Ambiente”, que se desenvolverá no complexo dunar de Corrubedo.